Representantes dos tres grupos municipais asistiron ao acto de descuberta na fachada da Casa Consistorial dunha faixa que pon foco nun dato: 12.976 maltratadores con sentenza firme en dez anos (2015-2024) en Galicia.
Un número: 12.796 e unha pregunta: E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores? interpélannos, desde hoxe, dende a fachada da Casa Consistorial. O número corresponde coa cantidade de maltratadores con sentenza firme en dez anos (2015-2024) en Galicia (datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial). E a pregunta convida a virar o foco cando falamos da violencia de xénero, a violencia exercida polos homes sobre as mulleres polo feito de selo.
Na descuberta desta intervención na Casa Consistorial, que marca o inicio da campaña 25-N do Concello de Pontevedra estivo o alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, xunto cos voceiros dos grupos municipais: Eva Villaverde (BNG), Yoya Blanco (PSOE) e Rafael Domínguez (PP) e un amplo abano de edís dos tres partidos con representación no Concello.



A concelleira de Igualdade subliñou a importancia de poñer o foco da campaña municipal do 25-N nos maltratadores á hora de falar e enfrontar a violencia de xénero: “convidamos a abrir un debate, debemos ser firmes, calquera que se defina feminista ten que estar ao lado das mulleres que denuncian, sexa quen sexa o agresor”. Para Anabel Gulías “é unha cuestión de principios, de posición, e abre un debate moi interesante en todas as formacións políticas e na sociedade en xeral. Hai que poñer o foco onde se ten que pór e chamar as cousas polo seu nome”







Pola súa banda, o alcalde amosou o seu compromiso coa loita das mulleres contra a violencia machista e a prol da igualdade. “Que saiban as mulleres que son receptoras da violencia machista que non están soas, que hai moita xente na sociedade, e homes tamén, que vamos a apoialas sempre” subliñou Fernández Lores. “Queda moito camiño por andar, segue a haber discriminación da muller” engadiu para, de seguido, concluír: “unha campaña como a do 25-N é imprescindible mentres siga existindo unha realidade (a violencia machista e a desigualdade) que non nos gusta e rexeitamos”.

A conmemoración do 25-N tinguirá de violeta todo o mes de novembro en Pontevedra, amosando o compromiso do goberno local e da cidadanía coa igualdade e o rexeitamento da violencia machista en calquera das súas manifestacións. Un compromiso e rexeitamento que quedará reflectido no Manifesto do Día Internacional contra as violencias machistas que se lerá ao comezo do Pleno municipal do Concello de Pontevedra de novembro ( luns 17 de novembro, ás 11.00 horas) e que, nesta ocasión, corre a cargo da Quenda de Oficio de Violencia de Xénero do Ilustre Colexio da Avogacía de Pontevedra.
Faladoiros Feministas
A programación da campaña 25-N bota a andar a vindeira semana cos Faladoiros Feministas. Será o mércores 5 de novembro, cando Ana Marcos e Iria Pinheiro abran os encontros poñendo enriba da mesa a realidade do acoso e abusos sexuais no audiovisual. A cita terá lugar no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 horas.

O programa continuará coas seguintes convocatorias:
- Faladoiro 2, con Macarena Baena Garrido sobre violencias machistas e medios de comunicación. Mércores, 12 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 h.
- Faladoiro 3, con Mabel Lozano sobre explotación sexual. Inclúe a proxección do documental AVA. Luns, 17 de novembro no Teatro Principal, ás 19.30 h.
- Faladoiro 4, con Claudia Morán Mato (Xornalistas Galegas) sobre violencias machistas nos medios de comunicación galegos. Xoves, 20 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 horas


