A edil Eva Vilaverde presentou o pasado 3 de novembro unha nova edición da Escola Feminista da Mocidade que, organizada desde Xuventude, comeza neste mes de novembro tan acaído, con todas as actividades do 25N contra a violencia machista e dura ata maio de 2026. Pretende a partir da construción de espazos seguros, poder traballar noutros conceptos como o autocoidado, autoestima, coñecemento propio a prevención. Conceptos que camiñan cara o empoderamento á hora de encontrarnos cunha sociedade que estruturalmente é hostil para as mulleres, agresiva e violenta.
Entre as propostas presentadas podemos atopar cursos de autodefensa e empoderamento, arteterapia, prevención e intervención en violencias sexuais, etc.
Os formularios de inscrición para as actividades, que terán lugar entre novembro e maio, están xa dispoñibles no web apuntate.pontevedra.gal. O número de prazas dispoñibles é diferente para cada actividade e aínda que teñen prioridade as mulleres entre 15 e 35 anos, no caso de vacantes terán acceso persoas doutras idades, xa que tamén son moi interesantes os encontros interxeracionais que se producen nos cursos.
Á presentación do programa asistiron Maritza Berttolini (ilustradora e tecedora creadora da campaña da Escola Feminista deste ano), Vicky Estévez (promotora de igualdade e facilitadora do espazo Círculo de Empatía), Reina D´ Hoore (docente do obradoiro de Arteterapia, autocoidado profundo e potencia creadora), Elisabet Hillerud (docente do obradoiro de Zentangle: empoderamento artístico a través da arte, a creatividade e a meditación) e Sensei Jatsume (docente de defensa persoal física e emocional e empoderamento).

Cabe destacar a actividade do Círculo de Empatía, un espazo de escoita e seguridade para o encontro e a xestión emocional, nacido durante a pandemia, onde son benvidas todas as persoas que precisen dun grupo para falar. “Facemos un montón de cousas, dinámicas, conversamos. Convido á xente a acudir a todas as actividades do programa. Xuventude fai un esforzo grande para sacar estas actividades adiante, todas de balde para mocidade e maravillosas” explicaba Vicky Estévez.
Pola súa banda a deseñadora do cartaz, a artista e bordadora Maritza Berttolini “quixen poñer a Escola no centro como un espazo físico, a casiña, onde se desenvolven as actividades. Representa calor, empatía, fogar, coidado, seguridade,… todo o que adoitamos atopar nos espazos feministas. Ao redor medran as flores como símbolo de autocoidado e crecemento. As follas agochan pequenos debuxos que representan as actividades”. Berttolini tamén aproveitou para apuntar a importancia de empregar o bordado, asociado durante anos a algo dóméstico, como un símbolo de resistencia nestes espazos feministas e empregalo para reivindicar.



