Todo preparado xa para o segundo dos faladoiros feministas organizados dentro da programación do 25 de novembro que se celebran na Casa da Luz.
Nesta ocasión teremos o pracer de conversar coa xornalista Macarena Baena Garrido, sobre como abordan os medios a violencia contra mulleres e crianzas, tanto desde a información como desde a opinión e a publicidade . Modera a escritora e xornalista Diana López Varela. A cita terá lugar no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 horas.
Macarena Baena, especialista en feminismo e violencias machistas, é directora de Efeminista,o proxecto multimedia de igualdade da Axencia Efe, e colaboradora habitual en medios nacionais e internacionais. O seu traballo combina investigación, periodismo de datos e divulgación sobre igualdade de xénero, violencia machista, educación e dereitos das mulleres. Baena participou en conferencias, talleres e proxectos educativos dirixidos a mocidade, profesionais e medios de comunicación, promovendo a alfabetización mediática e a análise crítica dos discursos de xénero. O pasado mes de marzo acompañounos no Foro As Mulleres que Opinan son Perigosas cunha marabillosa palestra que nos deixou con ganas de seguir aprendendo e que podedes repasar aquí.


O acceso será libre e de balde ata completar aforo. Ademáis, gravaremos todos os Faladoiros para colgalos nas vindeiras semanas na canle de YouTube do Concello e nas redes sociais da Concellería de Igualdade.
O programa de conversas continuará coas seguintes convocatorias:
- 3º Faladoiro, sobre a explotación sexual e trata, con Mabel Lozano. Inclúe a proxección de AVA, Premio Goya á mellor curta documental 2024, e presentación da novela do mesmo título. Luns, 17 de novembro no Teatro Principal, ás 19.30 h.
- 4º Faladoiro 4, sobre as violencias machistas nos medios de comunicación galegos, con Claudia Morán Mato (Xornalistas Galegas). Xoves, 20 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 horas.




