I Roteiro Pinto e Maragota: As pegadas da memoria “cuir” en Pontevedra

O programa municipal pola diversidade sexual e de xénero Pinto e Maragota, promovido pola Concellería de Igualdade de Pontevedra, estrea este mes de novembro o roteiro As pegadas da memoria “cuir”, unha iniciativa que convida a redescubrir a cidade a través da historia da disidencia sexual e de xénero.

Coa historiadora e investigadora Daniela Ferrández e a xornalista e escritora Eva Mejuto percorreremos as rúas e prazas de Pontevedra para reconstruír a memoria da disidencia sexual e de xénero en Pontevedra. 

A primeira sesión aberta ao público terá lugar o venres 21 de novembro, ás 17.00 horas, cunha duración aproximada de unha hora e corenta e cinco minutos. As persoas interesadas deben inscribirse a través da web municipal apuntate.pontevedra.gal. Ademais, haberá quendas específicas destinadas ao alumnado de distintos centros de ensino.

Partiremos do Convento de Santa Clara para relatar a historia da monxa-frade María Gálvez no século XVI, para percorrer a Praza da Estrela onde estiveron Federico García Lorca e a compañía “La barraca” en 1932, ao antigo cine Coliseum en García Camba onde, amais da conferencia de García Lorca, en 1933 se proxectou o avangardista filme alemán “O misterio dos sextos” (Mysterium des Geschlechtes) de Lothar Golte.

Percorreremos a Praza de San Xosé e o Edificio da Audiencia e a Alameda para relatar os anos da guerra e da ditadura, a persecución da disidencia sexual a partir das leis de Vagos e Maleantes e a posterior de Perigosidade Social.

A carón do Arquivo Provincial falaremos do Padroado de Protección á Muller, a institución franquista que someteu e torturou a milleiros de mulleres “caídas ou en risco de caer”, tamén a mulleres lesbianas e bisexuais. Na parte final do paseo, a chegada da democracia e os movementos LGBT na Boa Vila, as primeiras celebracións do Orgullo, os matrimonios igualitarios logo da lei do 2005, a manifestación masiva no 2021 polo asasinato a Samuel Luiz, os referentes queer da cidade e actividade cultural arredor da diversidade de sexo e xénero na actualidade.