DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO DÍA INTERNACIONAL POLA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Pontevedra e, no seu nome, o Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra expresa o seu máis firme e rotundo rexeitamento a toda forma de violencia de xénero e reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos fundamentais, a igualdade efectiva e a erradicación desta lacra social. A violencia de xénero non é un problema privado, é unha violación dos dereitos humanos que interpela a toda a sociedade.
Desde o noso Colexio, reafirmamos o noso compromiso:
- Coa formación especializada da avogacía.
- Coa atención xurídica gratuíta e profesional ás vítimas.
- Coa colaboración activa con institucións, corpos de seguridade e entidades sociais.
- Coa sensibilización da cidadanía e a promoción dunha cultura de igualdade.
Este compromiso baséase nun sólido marco normativo:
- A Constitución española (artigos 14 e 9.2) garante a igualdade ante a lei e obriga aos poderes públicos a promover as condicións para que a igualdade sexa real e efectiva.
- A Lei Orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, establece un sistema integral de prevención, protección, sanción e reparación.
- A Lei Orgánica 3/2007, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, reforza a transversalidade da perspectiva de xénero en todas as políticas públicas.
- O Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica (Convenio de Istambul), ratificado por España en 2014.
- O Pacto de Estado contra a violencia de xénero (2017): acordo institucional que reforza a coordinación entre administracións e a dotación de recursos.
- A Lei 11/2007, do 27 de xullo, é a lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
A continuación facilitamos algúns datos que avalan o noso compromiso:
O Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra conta cunha quenda de oficio especializada de asistencia ás vítimas de violencia de xénero nos once partidos xudiciais que comprenden a demarcación territorial do noso colexio (Pontevedra, Cambados, Cangas, Lalín, A Estrada, Caldas, Tui, Ponteareas, O Porriño, Vilagarcía e Marín), prestado por 221 profesionais da avogacía os 365 días do ano. Isto significa que en cada partido xudicial hai sempre un profesional da avogacía especializado en violencia de xénero, de garda, para acompañar e asistir á vítima desde a interposición da denuncia e ao longo de todo o procedemento xudicial (orde de protección, xuízo rápido, dilixencias previas, vista oral e fase de execución, quebrantamentos de medidas cautelares ou sentenzas), así como en todos os procesos que teñan relación, deriven ou sexan consecuencia da súa condición de vítima (divorcios, liquidación da sociedade de gananciais, división de bens comúns, temas laborais ou administrativos…).
A vítima contará co mesmo profesional da avogacía para evitar a vitimización secundaria que supón ter que relatar e revivir a súa situación persoal, moitas veces moi dura, ante distintos profesionais que, noutras circunstancias, lle serían designados por xustiza gratuíta en cada procedemento.
Son 11 avogadas e avogados do noso Colexio os que están todos os días do ano, as 24 horas do día, atendendo a garda de violencia de xénero, o que supón 4.015 gardas ao ano.
Queremos poñer en valor a prestación deste servizo por parte da avogacía, cunha dedicación exemplar, mal remunerada e moi esixente, sen apenas incidencias ou queixas das vítimas, o que demostra a excelente calidade coa que profesionais da avogacía prestan a asistencia.
As gardas realízanse por días (24 horas) e por semanas completas (24 horas durante 7 días). É un traballo moi esixente —pola situación das vítimas, que require gran dedicación, e pola formación especializada necesaria— e mal remunerado.
Ata o 28 de outubro de 2025, realizáronse un total de 641 asistencias nos once partidos xudiciais do ámbito territorial do Colexio, das cales 124 corresponden ao partido xudicial de Pontevedra.
As vítimas de violencia de xénero teñen dereito á Asistencia Xurídica Gratuíta, con independencia dos seus ingresos, desde 2013. Os profesionais da avogacía adscritos á quenda de oficio dispoñen dun marco de actuación ampliado desde o 3 de outubro de 2025, xa que, segundo o artigo 2.h) da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de Asistencia Xurídica Gratuíta, as mulleres e menores vítimas de delitos contra a liberdade sexual, mutilación xenital feminina, matrimonio forzado ou acoso con connotación sexual teñen recoñecido o dereito á asistencia xurídica gratuíta con independencia dos recursos económicos dos que dispoñan.
Desde o Colexio, e en representación do Concello de Pontevedra, facemos un chamamento á implicación activa da cidadanía, das institucións e dos medios de comunicación para erradicar o machismo, protexer ás vítimas e construír unha cultura de igualdade, respecto e xustiza.
Porque unha sociedade democrática non pode tolerar a violencia contra as mulleres.
Porque o silencio fainos cómplices.
Porque a avogacía está e estará sempre ao lado dos dereitos.
A violencia contra as mulleres, polo feito de selo, constitúe unha grave violación dos dereitos humanos.
É unha realidade que vulnera a dignidade, a liberdade e a vida de milleiros de mulleres no noso país e no mundo.
Como profesionais do Dereito, temos a responsabilidade ética e xurídica de actuar e asumimos o compromiso de facelo con dilixencia, sensibilidade e rigor na atención ás vítimas, contribuíndo activamente á construción dunha sociedade libre de violencia.
Moitas grazas por escoitarnos.
Novembro, 2025
A redacción deste manifesto estivo a cargo da Quenda de Oficio de Violencia de Xénero do Colexio da Avogacía e foi lido ao inicio do Pleno Municipal celebrado o luns 17 de novembro de 2025 por Dª. Gema Rial Rodríguez, Decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Pontevedra.




