A xornalista e comunicadora Cláudia Morán pechará, este xoves, os Faladoiros Feministas,
organizados ao abeiro da campaña municipal do 25-N (Día Internacional contra as violencias
machistas) que promove a Concellería de Igualdade. E farano cunha conversa—coloquio coa tamén xornalista Carolina Neira sobre a situación das xornalistas galegas, medios e violencias machistas.



A cita é no vestíbulo da Casa da Luz, o vindeiro 20 de novembro, ás 19.30 horas.
Cláudia Morán é unha xornalista especializada en relacións internacionais e perspectiva de xénero, un interese que a leva a formar parte de Xornalistas Galegas, un colectivo de mulleres galegas do mundo da comunicación na defensa dun xornalismo feminista. En 2022 foi finalista do Premio de Xornalismo Fernández del Riego e, recentemente, vén de ganar o Premio Xohán Carballeira de Xornalismo, compartido con Manolo Broa pola reportaxe O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume, acompañada das fotografías de Brais Lorenzo.
Colabora, de xeito habitual, con publicacións como Nós Diario, O Salto Galiza, La Marea ou a Revista Luzes ademais de traballar en comunicación corporativa.
Forma parte do proxecto Habitar o Baleiro, colectivo que asina a serie de reportaxes que publica Sermos Galiza sobre o despoboamento do rural galego no que leva dous anos facendo un traballo moi intenso sobre o terreo, documentando o que pasa no rural da Galiza, intentando fuxir tanto do romanticismo coma de clixés negativos e estereotipos.
Artigo con vídeo: Xornalistas Galegas: “Ler as experiencias das comunicadoras sobre violencia de xénero deixa a pel de pita”



