A Concellería de Igualdade pon en marcha o Centro de Información en Diversidade e Sexualidade (CIDES), un servizo que ofrecerá atención profesional, acompañamento e apoio especializado ás persoas do colectivo LGTBIQ+, promovendo ao tempo a igualdade, o respecto e a visibilidade da diversidade sexual.

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, presentou hoxe o novo servizo, acompañada por Mónica Novas, psicóloga xurídica-forense, experta en igualdade de xénero e integrante do equipo do CIDES, que se completa con Nessrin El Hachlaf Bensaid, xurista, especialista en dereitos de persoas migrantes e delitos de odio.

“Pontevedra é unha cidade respectuosa e temos que ter un servizo que permita validar calquera excepción da nosa pauta habitual e o CIDES vai tratar calquera incidencia neste eido, ao tempo que dará tratamento personalizado acalquera que se sinta mal, que teña dúbidas…” explicou a concelleira.
Somos unha cidade aberta e diversa; unha cidade orgullosa que celebra e reivindica a diversidade cada día, e proxectos como o CIDES amosan o compromiso do goberno local por unha igualdade real” engadiu Anabel Gulías.
O servizo, en fase de implementación, botou a andar no sede municipal da praza José Martín, onde comparte instalacións e horario co CIM (Centro de Información a Muller): de 9.00 a 14.00 horas, agora ben coa posibilidade de atención de tarde para axustarse ás necesidades dos/das demandantes. Está xa a prestar atención psicolóxica individualizada e asesoramento xurídico aos primeiros casos.

Nesta fase inicial tamén puxo en marcha a web www.cidespontevedra.com e abriu as súas redes sociais (Instagram, Facebook e Tik Tok) co fin de difundir contidos informativos e ser canle de comunicación para os potenciais usuarios e usuarias do servizo. A mirada está posta na mocidade, grupo prioritario da poboación diana do servizo.
Desde o CIDES traballan na presentación do programa a rede asociativa LGTBIQ+ de Pontevedra e aos orientadores educativos dos institutos e centros universitarios de Pontevedra, co fin de dar a coñecer ao alumnado, e a comunidade educativa en xeral, os servizos de atención e asesoramento que prestan. Ademais, a medio prazo e xeito coordinado, organizaranse obradoiros formativos e poranse en marcha grupos de apoio.

O Centro de Información en Diversidade e Sexualidade responderá cunha intervención integral coordinada nos casos de agresións lgtbifóbicas e delitos de odio.
+ INFO: www.cidespontevedra.com
RR.SS:


