A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Anabel Gulías, presentou onte o Foro da Muller e Benestar na peri e menopausa-Momento Calma, un encontro deseñado para mulleres que procuran información, apoio e rigor profesional e acompañamento para enfrontar unha etapa vital de cambios que condiciona a súa saúde física, mental e emocional. A cita será no Teatro Principal, o sábado 29 de novembro. Ao seu carón: Ana Fernández, de Javier Varela Marketing e Ángela Patricio, de Punto de Apoyo Psicoloxía, do equipo organizador do evento.

“É un foro con punto de vista feminista” subliñou Anabel Gulías, quen lembrou que “durante moito tempo os temas que teñen que ver coa saúde das múalles estiveron infra-valorados,
minusvalorados e, mesmo ás veces, ridiculizados”. “Como se nota que hai unha parte da poboación que non sufre dores menstruais, endometriose e outras doenzas que non son puntuais, que nos acompañan grandes etapas da nosa vida” engadiu con retranca a concelleira.
Unhas doenzas que afectan, iso si, a máis do 50 por cento da poboación. Malia esta porcentaxe de afectación e periodicidade, “hai dúas eivas moi importantes: non existía ata hai pouco investigación sobre estes temas e, o máis perigoso, cando se poñen enriba da mesa, non se aborda o tema dos recursos, que si son máis, pero que queremos sexan equitativos, que sexan recursos públicos, da sanidade pública”.

Ana Fernández recoñecía que “ata hai pouco as mulleres non falabamos da menopausa, era un
tema tabú”. E co fin de contribuír a derrubar unha realidade, aínda hoxe, invisibilizada, poñen en marcha o foro Momento Calma, “para falar sen problema, en liberdade, da peri e menopausa, que é moitos máis que irse a regra”. Pola súa banda, a psicóloga Ángela Patricio, remarcou a importancia do coidado e da saúde integral (corpo, mente e emoción) á hora de enfrontar esta etapa vital.
O Foro da Muller e Benestar na peri e menopausa- Momento Calma será unha intensa xornada de mañá e tarde – que incluirá once relatorios técnicos con especialistas e unha mesa redonda de experiencias- que ten como obxectivos: desmontar mitos, informar e despexar dúbidas sobre a peri-menopausa e menopausa.
O acceso ao encontro é de balde pero ten inscrición. As persoas interesadas en asistir poden
anotarse a través da web www.momentocalma.es ou na seguinte ligazón: https://shorturl.at/DEYa7
PROGRAMA. Foro da Muller e o benestar na peri e menopausa
MAÑÁ
9.30 horas. Inauguración oficial

10.00 horas. Menopausa: Cambios, mitos e realidades. Relatora: María Fernández Rial, xinecóloga especialista en saúde hormonal, endometriose, anti-concepción e menopausa
10.30 horas. Alimentación e hábitos saudables en peri e menopausa. Lorena Quintás, asesora
nutricional
11.00 horas. Máis aló do mostrador: o papel da farmacéutica na saúde hormonal feminina. Loreto Iglesias, farmacéutica
11.30 horas. Proxecto Hipopausa-hipotálamo e menopausa. Ismael González García, investigador do CiMUS-USC

———————- Pausa para café —————
12.30 horas. A importancia do adestramento de forza na menopausa. Ana Latorre, fisioterapeuta e especialista en terapia Psico-inmunorexenerativa.
13.00 horas. Experiencias na menopausa. Mesa redonda con: Raquel Fernández, Alicia Esteban e Ana Gayoso. Modera: Ángela Patricio
13.40 horas. Presentación do libro “Ser mujer”. Alexandra Henríquez, xinecóloga especialista en xenoloxía, patoloxía mamaria e oncoloxía xinecolóxica.

TARDE
16.05 horas. Suplementación e menopausa: que é o que realmente necesito? Aurea González, dietista e especialista en Psico-neuroinmunoloxía.

16.35 horas. Menopausa e corazón: o que ninguén che contou. Sergio Raposeiras, cardiólogo
17.05 horas. Menopausa e fisioterapia en chan pélvico: unha nova etapa, un novo equilibrio. Yaeli Bermello, fisioterapeuta experta en fisioterapia aplicada á xinecoloxía, uroloxía e obstetricia.

17.35 horas. Saúde vaxinal na menopausa: implicacións clínicas da diminución estroxénica. Lidia Lestregás, matrona.
18.15 horas. Regresar a unha mesma: unha nova mirada psicolóxica á saúde emocional feminina. Ángela Patricio, psicóloga


