Xornada de investigación e diversidade PONTEVEDRA MULTICULTURAL, Ciencia pola igualdade

O vindeiro sábado 29 de novembro, a partir das 10.30 h no Centro Sociocultural O Gorgullón (Rúa da Curtidoira, 29) terá lugar unha extraordinaria Xornada sobre investigación e diversidade baixo o nome PONTEVEDRA MULTICULTURAL, Ciencia pola igualdade. 

Falaremos de como a ciencia demostrou con evidencia sólida que o concepto de “raza” carece de base biolóxica. A xenética humana amosa que todas as poboacións do planeta están conectadas e que a diversidade forma parte esencial da nosa historia. Ademais, o avance da investigación científica permite identificar e denunciar situacións nas que a discriminación non só racial, senón tamén contra as mulleres, estivo presente, desde experimentos médicos até os nesgos que hoxe se reproducen na intelixencia artificial.

Neste contexto, Pontevedra vai liderar un espazo de reflexión crítica e divulgación científica arredor do racismo, a multiculturalidade, o feminismo e os desafíos da convivencia global, a través dunha proposta que combina rigor académico, compromiso social e divulgación accesible.

Entrada libre ata completar aforo.