A concellaría de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra poñen en marcha este inverno ‘O sofá violeta’, un novo club de lectura feminista que nace co propósito de levar a reflexión e o debate con perspectiva de xénero a parroquias e barrios do municipio.
A iniciativa responde a unha proposta xurdida no Consello Municipal da Muller, no que manifestaran o interese por crear un espazo compartido de encontro e diálogo entre mulleres.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou o proxecto acompañada por Montse Fajardo, coordinadora, e por María Felicitas Iglesias Filgueira e Rita Rey Pérez, representantes da Asociación Veciñal de Bora, primeiro colectivo en propór un ‘sofá violeta’ para a súa parroquia. A primeira edición do club incluirá oito lecturas e sete encontros con autoras galegas, onde se abordarán temas como a maternidade, a saúde mental, a soidade, a perda, a mirada de xénero na xustiza ou o impacto da pornografía.

Ademais de Bora, xa mostraron o seu interese en participar neste club de lectura a asociación O Castelo de Ponte Sampaio, AA.VV Eduardo Pondal, Tres Pendentes de Xeve e Amarinda de Mourente. Cada lectura comentarase previamente nas asociacións participantes e culminará cun encontro conxunto coa autora.
Os libros escollidos para esta primeira edición son ‘Ítaca’ de María Besteiros, ‘Cartas de amor a un fillo que non me ama’ de Vicky Estévez, ‘Por que Asunta?’ de Inma López Silva, ‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’ de Arantxa Portabales, ‘Non penses nun elefante rosa’ de Antía Yáñez, ‘O corpo de Cristo’ de Bea Lema, ‘As trampas da pornografía’ de Priscila Retamozo, Chis Olivera e Amada Traba, e ‘As horas mortas’ de Emma Pedreira.

As persoas e entidades que desexen sumarse poden facelo a través das plataformas igualdade.pontevedra.gal ou apuntate.pontevedra.gal.


