Clausura do Obradoiro ENREDADAS

Entre o 7 de outubro e o 21 de novembro tivo lugar no 1º andar do CIM de Pontevedra o Obradoiro de autocoidado e acompañamento emocional no que participaron un total de 15 mulleres e a pasada semana celebramos un pequeno acto de clausura con entrega de diploma e un petisco.

Este programa deseñouse como un espazo de coidados e crecemento persoal e colectivo dirixido a mulleres, co obxectivo principal de fortalecer a súa autonomía, autoestima e saúde integral. Creamos un entorno seguro onde a experiencias estiveron compartida e a aprendizaxe activa foi a ferramenta clave para tecer unha rede de apoio mutuo sólida.

O propósito esencial foi que as participantes desenvolveran e consolidaran habilidades e saberes esenciais para a mellora do seu benestar emocional e a súa autoestima. Isto fomentouse a través de dinámicas de comunicación que permitiron unha reflexión profunda e o inicio dun cambio de pensamento orientado á mellora da autoestima e a través da expresión creativa e corporal (a través do movemento, o teatro, o xogo e a danza), ao tempo que se facilitou a construción de alianzas e redes de apoio entre mulleres, promovendo a sororidade.

Estes foron os piares sobre os que se constrúe o traballo do programa:
Promover a igualdade e o empoderamento: Fomentar a reflexión crítica sobre os roles de xénero, erradicar prexuízos e estereotipos, e poñer en valor tanto as contribucións sociais como as capacidades individuais das mulleres.
Crear un refuxio de identidade: Establecer un espazo de seguridade e escoita activa que permita ás participantes identificar as súas necesidades vitais, clarificar o seu presente e definir de xeito consciente o rumbo que desexan para as súas vidas.
Potenciar o benestar integral: Impulsar a mellora da autoestima e o desenvolvemento pleno das capacidades físicas, emocionais e psicolóxicas a través da implicación activa en todas as dinámicas propostas.
Fomentar a cohesión grupal: Xerar un clima de confianza e cooperación onde sexa posible o intercambio de experiencias de vida e o desenvolvemento de lazos afectivos e de acompañamento.
Concienciar sobre o autocoidado: Subliñar a importancia fundamental do autocoidado e do benestar persoal como base para o desenvolvemento e o crecemento individual e social.

Na avaliación realizada deste programa, as docentes destacaron a participación e implicación activas das participantes e a rede de conexión social e apoio creada mentres que as usuarias, que demandaron mais sesións, destacaron a importancia e o impacto do aprendido sobre a propia saúde e a calidade humana e profesional das distintas docentes.