Primeiro coloquio do club de lectura feminista O SOFÁ VIOLETA con María Besteiros

A violencia obstétrica, a comunicación familiar e o dó perinatal centraron o primeiro coloquio arredor do Ítaca de Besteiros no clube de lectura “O sofá violeta” 

Máis dunha vintena de lectoras, e un lector, participaron no primeiro encontro do club de lectura feminista “O sofá violeta” que puxo en marcha o CIM de Pontevedra. O libro escollido foi Ítaca de María Besteiros, e a autora desprazouse ata o Centro Sociocultural do Gorgullón para intercambiar impresións sobre a súa primeira novela, que xira arredor da morte dunha bebé nos últimos días de xestación.

O xeito que tiveron Penélope, Ulises e Telémaco, protagonistas desta historia, de abordar a morte da pequena Ítaca deu lugar a un interesante coloquio no que, durante máis de hora e media, as integrantes do club de lectura intercambiaron impresións sobre a necesidade dos procesos de dó, sobre as consecuencias da falta de comunicación dentro da familia e, nomeadamente, sobre o tratamento das mulleres que pasan por unha situación deste tipo.

Debateuse sobre o comportamento de cada protagonista, sobre as razóns que levaron á autora a fiar o texto coas personaxes da Ilíada e ata deu tempo a vindicar un mellor tratamento das mulleres que perden a súa crianza no momento do parto, con medidas tan sinxelas como cambialas de unidade para evitarlles convivir con bebés que acaban de nacer ou con outras parturientes. Ao fin e ao cabo, o obxectivo do club “O sofá violeta” é abordar textos con perspectiva feminista co devezo de mellorar a sociedade para todas as mulleres.