O encontro de mulleres xornalistas cumpre nove edicións apostando polo xornalismo local e social. Celebrarase o 13 e 14 de marzo no Teatro Principal.

Susana Pedreira e Diana López Varela, as xornalistas que idearon esta iniciativa en 2018 e que seguen sendo a súa alma mater coa colaboración dos departamentos de Igualdade de Concello de Pontevedra e Deputación, presentaron o programa este martes, xunto co vicepresidente do organismo provincial, Rafa Domínguez, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que agradeceron o traballo que realizan todas as implicadas e expresaron a súa repulsa ás violencia machistas e aos partidos e persoas que a negan.


Será unha edición, explicou López Varela, que tratará de loitar contra “a desinformación e a información nesgada” e que comeza unha segunda etapa despois da celebración, o pasado mes de outubro, do centenario do foro, ao chegar ás cen mulleres participantes. De feito, Susana Pedreira lembrou ás dez mulleres e dúas crianzas asasinadas só nas últimas semanas en casos de violencia de xénero, polo que é un asunto moi presente no foro.
A iniciativa regresa nesta segunda etapa cun cartel que mostra que este foro é unha rede e unha comunidade, pero mantendo a fidelidade aos seus acenos de identidade: rodearse de referentes da profesión para reivindicar o camiño percorrido por elas ata a actualidade, protagonismo para as profesionais locais e galegas, relatorios pegados á actualidade, temáticas novas, inaugurar coas gañadoras do noso Premio de Opinión Mulleres que Opinan, Alba Chaves e Dores Tembrás, mestura de caras coñecidas con outras profesionais que realizan un traballo moi especializado, e xornalismo social.








Haberá actualidade, temáticas novas como o amor e o desexo ou o xornalismo musical e protagonismo absoluto de “profesionais do xornalismo locais e e galegas”, como Alba Moledo Ucha, de Diario de Pontevedra que debullará a figura de María Luz Morales, unha pioneira rescatada, que centrou a tese coa que acaba de doutorarse en xornalismo e a periodista “multitarefa” de La Voz de Galicia en Pontevedra Nieves Domínguez Amil, así como a caldense Fátima Frieiro de Diario de Arousa e a pontevedresa Eva Vázquez Lima de Atresmedia Televisión.






Pechará a xornada do venres Remedios Zafra, escritora e investigadora e Premio Nacional de Ensaio 2024. De feito, Pedreira admitiu que o foro tiña “unha débeda co ensaio” e fixo notar que entre os 48 premios outorgados entre 1976 e 2006 só houbo sete mulleres. E o sábado 14 de marzo será Helena Resano, “unha referente aínda en activo”, que cumpre 20 anos como xornalista na Sexta, de cuxa fundación formou parte a encargada de poñerlle o ramo a esta novena edición do foro.


Programa completo


