Este venres 6 de marzo comezan as actividades feministas que se estenderán inicialmente ata finais de xuño
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías Torreiro, presentou este mércores a campaña gráfica e unha programación que quere converter o 8 de marzo «nunha primavera feminista» que se prolongará ata xuño. «A ninguén se lle escapa que o feminismo está fronte a un discurso reaccionario e negacionista que avanza, e iso é o perigoso», apuntou. E como «durante moitísimo tempo as mulleres fomos relegadas aos espazos domésticos», a campaña do Concello de Pontevedra para este 8 de marzo ten un lema que non deixa lugar a dúbidas: «Non van conseguir que o medo nos volva pechar nas casas».

Gulías lembrou que «o feminismo está a atravesar un momento no que está a sufrir unha gran agresión, cun discurso reaccionario que está a levar a que haxa mulleres que sexan agredidas e que incluso teñan que deixar as súas cidades», en clara referencia ás campañas da ultradereita contra o movemento pola igualdade de mulleres e homes.
O 8M comezará a vivirse no Concello de Pontevedra este venres 6 de marzo, cun despregamento do lema da campaña no balcón da Casa Consistorial e a lectura do manifesto elaborado por alumnas do Consello da Muller Nova do IES Frei Martín Sarmiento. O manifesto lerase de novo no pleno do día 23.
Tras as mobilizacións do domingo 8 de marzo, a próxima fin de semana continuarán os eventos. O venres 13 e sábado 14, o Teatro Principal acollerá o encontro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, coordinado por Diana López Varela e Susana Pedreira Buján.


En abril celebraráse en Cons unha sesión do club de lectura feminista O Sofá Violeta, con Inma López Silva e a súa obra Por que Asunta; e a finais de mes presentarase na Casa das Campás o libro As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada, do Colexio Galego de Xornalistas.




O 6 de maio haberá un faladoiro titulado Tolas ou rebeldes, control social e represión das mulleres, con María Jesús López Escudeiro e Carmen Valiña, autora dun ensaio sobre a represión das mulleres no psiquiátrico de Conxo. E o mércores 20 dese mes, volverá a Pontevedra a xornalista Cristina Fallarás que dará unha charla no Teatro Principal.


O 3 de xuño será a escritora Ledicia Costas quen estará no Principal falando de A voz escrita das mulleres.
Para completar o programa, entre maio e xuño realizaranse talleres de igualdade, educación sexual e prevención de violencia machista nos centros educativos, non só para alumnado, senón tamén para docentes e familias.

Así mesmo, Anabel Gulías anunciou que desde o Concello de Pontevedra estase a crear un boletín feminista para dar difusión a todas as actividades que se celebren no municipio. Poderase consultar a partir do 8 de marzo na páxina web de Igualdade.



