Lectura do manifesto e despregue de faixa na Casa Consistorial inician a programación de actividades polo Día Internacional da Muller

O Concello de Pontevedra deu este venres o pistoletazo institucional ao 8 de marzo coa colocación da faixa conmemorativa do Día Internacional da Muller no balcón da Casa Consistorial, evento que se completou coa lectura dun manifesto por Sara Asdih Ouerdi e Analía Estévez González, alumnas do IES Frei Martín Sarmiento, en representación do Consello da Muller Nova do centro. No acto participaron membros dos distintos grupos políticos da corporación municipal.

O manifesto, tamén redactado por Sara Asdih e Analía Estévez, resalta que “o 8 de marzo non é un día para felicitar, non é un dia para celebrar o logrado senón para recordar o que costou conseguilo e honrar as mulleres que decidiron alzar a súa voz para intentar conseguir un futuro mellor”. Foron moi críticas co feito de que «ninguén fala da carga invisible dos coidados que maioritariamente seguen correndo a nosa conta, ninguén fala da presión estética e da esixencia que temos de demostrar máis para ser valoradas por igual. Cando iso mude poderemos falar de igualdade». E é que «quedan importantes retos que conseguir. As mulleres aínda somos minoría nos centros de poder e nas direccións de empresas, malia obter os mellores expedientes académicos. Aínda dedicamos máis tempo ás tarefas do fogar que os nosos compañeiros varóns, aínda se xulga a nosa sexualidade dun xeito que eles non padecen. Aínda queda moito por avanzar e, por iso, non podemos retroceder nin un chisco». “As mulleres xa saímos da casa e non queremos volver”, recalcaron as autoras, que reivindican unha igualdade real “boa para nós, boa para os nosos compañeiros varóns, e é boa para o mundo. Porque sen as mulleres o mundo para”.

Durante a súa intervención, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores expresou o seu orgullo de que Pontevedra sexa “un concello feminista non só o 8 de marzo, senón todos os días do ano”, e agradeceu a unanimidade de todos os grupos políticos para celebrar esta xornada e apoiar o manifesto. O rexedor insistiu na mensaxe central de “non dar nin un paso atrás, nin un centímetro para atrás” nos dereitos das mulleres e alertou de que, no momento actual, están a xurdir “posicións negativistas e agresivas”.

Para darlle voz ao manifesto, no próximo pleno da corporación, o día 23, volverase dar lectura pública do comunicado para falar diante da máxima representación de toda a sociedade pontevedresa.