Convocada a 4ª edición dos premios #MulleresQueOpinan de opinión xornalística

As bases xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes, que deberán facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación, será do 16 de marzo ao 10 de abril.

Concello e Deputación de Pontevedra veñen de publicar as bases da cuarta edición dos Premios #MulleresQueOpinan co gallo de apoiar as mulleres que exercen a profesión xornalística e o xénero da opinión. Estes premios teñen como obxectivo promocionar o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres profesionais do xornalismo, animar e promover a escrita nas mulleres máis novas, e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras.

A Deputación e o Concello de Pontevedra premiarán con 1.000 euros cada un os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se abordarán no encontro, que terá lugar os días 13 e 14 de marzo no Teatro Principal da capital da provincia, ou tamén sobre a súa experiencia como espectadora ou asistente, sempre que quede acreditada a asistencia e que se inspire neste para escribir opinión. Ademais do premio monetario, os artigos tamén se publicarán nos principais xornais da provincia de Pontevedra.

Os artigos presentados, orixinais, deben contar cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (titular incluído e sen contar espazos). Estes poden ser tanto inéditos como de xornalistas que cubriran as xornadas do foro e publicaran os seus textos nos medios que traballan. O xurado terá en conta a calidade, a perspectiva de xénero, a defensa dun xornalismo feminista, a mención ao evento e o uso de linguaxe inclusiva nos textos.

A novena edición de As mulleres que opinan son perigosas, o foro que reivindica a necesidade de poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel dos medios e as profesionais do oficio en tempos de desinformación, volverá ao Teatro Principal de Pontevedra os días 13 e 14 de marzo dialogando coas participantes de anos anteriores. Deste xeito, acollerá os relatorios de profesionais recomendadas por elas e ‘desvirtualizando’ as que participaron en liñas nas edicións marcadas pola pandemia da COVID-19.