O próximo sábado 28 de marzo, celebraremos unha nova edición do curso de Defensa Persoal Feminina na sala Almofrei da Casa Azul, en sesión de mañá e tarde (de 10 a 2 e de 4 a 8 da tarde), nesta ocasión segundo o Método Más de Juan José Martínez.
O curso compónse dunha parte teórica e práctica que se impartirá en conxunto de forma que a formación sexa dinámica. Na parte teórica traballarase con conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor e co Código Penal. Haberá unha parte de desenvolvemento do control das 5 claves que contempla o programa, como son a respiración, a observación, a valoración, a estratexia e a técnica. Tamén se traballará todo tipo de prevención para situacións de risco que nos leven a evitar todo tipo de confrontación física, pero se esta non é evitable aprenderemos un amplo abano de técnicas como poden ser defensas ante un ataque ou unha suxeición ao peito ou ao cabelo ou un ataque cunha arma branca.
A finalidade do curso é que a muller teña ferramentas suficientes para sentirse segura nunha situación de risco en todos os ámbitos da súa vida.
Prazas limitadas con inscrición previa no correo electrónico igualdade@pontevedra.eu
Esta actividade está organizada no marco das accións que ofrece a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero ás entidades adheridas á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.
Animádevos a participar.


