Inma López Silva sentará no sofá violeta, o club de lectura feminista de Pontevedra, para falar do seu libro “Por qué Asunta”

Aerial Yoga - 1

O encontro, que terá lugar o martes, 7 de abril, ás 19.00 horas, na Escola de Cons, en Mourente, busca un achegamento ao caso de Asunta Basterra con perspectiva de xénero.
As persoas que desexen asistir só teñen que anotarse en apuntate.pontevedra.gal

A escritora compostelá Inma López Silva será a seguinte convidada no club de lectura feminista “O sofá violeta”. Será co seu libro “Por qué Asunta” no que aborda, desde unha perspectiva de xénero, o asasinato da pequena Asunta Basterra Porto, ocorrido na súa cidade en setembro de 2013.

Cabe lembrar que “O sofá violeta” é un club de carácter itinerante que con libros feministas como fío condutor pretende ser un punto de encontro entre integrantes de distintas asociacións de mulleres do municipio, aínda que nas dúas sesións celebradas ata o momento tamén participaron varóns. É, tamén, un club interxeracional e, de feito, o seguinte encontro, o do 5 de maio, celebrarase no IES Sánchez Cantón e contará, ademais de coas integrantes do sofá violeta, con alumnado deste centro educativo que compartirán visións sobre Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño, a escritora que este ano homenaxea o Día das Letras Galegas, en presencia da súa irmá, Beatriz Caamaño. Xa a sesión de febreiro se celebrou nun centro educativo, o CIFP A Xunqueira, e a visión sobre a mesma lectura de persoas de distintas idades deu un plus ao encontro.

En Por qué Asunta, Inma López Silva fai un achegamento, moi documentado, ao crime do 2013. Desde entón escribíronse ríos de tinta, pero López Silva é a primeira que introduce a perspectiva de xénero. Todo o mundo coñece a historia, todo o mundo fixo a súa composición de lugar tras ler as noticias ou ver documentais e series, pero un dos eixos fundamentais do libro de López Silva é analizar se ese relato dos feitos tratou coa mesma asepsia a Alfonso Basterra e Rosario Porto. Se a condena social foi igual para ambos ou se Rosario Porto foi xulgada desde o primeiro momento non só como  presunta asasina senón, e sobre todo, como nai. O encontro permitirá debater sobre se existe sexismo nos medios e no sistema xudicial, sobre a distinta vara de medir á hora de esixir responsabilidades nos coidados, sobre a violencia no ámbito familiar  ou sobre a necesidade de achegarnos aos relatos sen prexuízos e distinguir os feitos da interpretación dos feitos que fan os medios.