Este xoves 16 de abril empezamos co ciclo de faladoiros PRIMAVERA FEMINISTA, coa conversa As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada no que presentaremos en Pontevedra o libro do mesmo título publicado polo Colexio Galego de Xornalistas. Participarán as históricas do xornalismo galego Ana Romaní Blanco, Tareixa Navaza González e Pilar Fariña García. Modera Natalia Puga López.



Na Casa das Campás ás 7 da tarde. Entrada libre ata completar aforo.

O proxecto As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada, consistente nunha publicación e un espazo web que rescatan, visibilizan e valoran o papel das mulleres na comunicación galega, resultou premiado nos VI Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña. Os distintos materiais investigan e reivindican as biografías das xornalistas pioneiras, e compleméntanas con entrevistas a distintas comunicadoras que marcaron a profesión no pasado máis recente e na actualidade.
Existen moitos estudos sobre o tratamento das mulleres nos medios, pero faltaba falar de como foi para as primeiras xornalistas entrar nas redaccións. Por iso, o proxecto visibiliza o labor das periodistas galegas en tres momentos da súa historia: o das profesionais que realizaron as entrevistas, o das entrevistadas que debuxan un retrato da profesión no momento da construción da democracia e da autonomía e o das pioneiras cuxas biografías son recollidas na introdución. Unha viaxe de preto dun século polo xornalismo galego con nome de muller, na que se pon a dialogar o pasado co presente.

Para iso, combina unha introdución sobre o papel das mulleres desde o nacemento do xornalismo galego con entrevistas a informadoras da historia máis recente: Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey e Ana Romaní. As autoras das entrevistas son Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso, e a publicación conta con fotografías de Lucía Junquera.
Esta actividade, programada no marco da campaña do 8 de marzo Non van conseguir que o medo nos volva encerrar na casa, realízase coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.


