“O sofá violeta” senta en Esmelle a Beatriz Caamaño e Anxos Rial nunha edición especial con motivo das Letras Galegas

O club de lectura feminista “O sofá violeta” que organiza o CIM do Concello de Pontevedra vivirá o martes 5 de maio, a partir das sete da tarde, unha edición especial con motivo das Letras Galegas*. Será arredor do libro “Morgana en Esmelle” de Begoña Caamaño, a escritora homenaxeada este ano, e contará coa presenza da súa irmá, Beatriz Caamaño, que se achegará á parte máis humana da autora, e tamén coa da profesora Anxos Rial, coordinadora do club de lectura do IES Sánchez Cantón, en cuxa biblioteca se vai celebrar o encontro.

“O sofá violeta” é un club de lectura itinerante, que percorreu xa o Centro Social de Gorgullón, a biblioteca do CIFP A Xunqueira e a Escola de Cons de Mourente. Nesta ocasión volverá a un centro de ensino e, como novidade, vivirá un encontro interxeracional, entre as lectoras do club feminista e alumnado do Sánchez Cantón que tamén fixo a lectura da obra. O obxectivo é poder achegarse a ela desde a perspectiva de persoas de diferentes idades.

As persoas que queiran participar no encontro arredor desta obra, que se achega á mitoloxía e en concreto ao universo de Camelot desde unha perspectiva feminista, poden facelo anotándose en apuntate.pontevedra.gal

A seguinte convocatoria será o xoves 18 de xuño arredor do libro “Deixe a súa mensaxe despois do sinal” de Arantza Portabales. Neste caso, a entidade anfitrioa será a asociación veciñal de Bora e o encontro terá lugar no seu local.

*A Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas deste 2026 á xornalista Begoña Caamaño Rascado, fervente defensora dos dereitos das mulleres e da igualdade de xénero. Na súa escolla destacouse, ademais do seu labor como narradora, o seu traballo como xornalista “nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego”. 

Texto – 1