A cita coa xornalista, escritora e activista é o vindeiro mércores 20 de maio, ás 19.00 horas, no Paraninfo do IES Valle Inclán e ten entrada libre ata completar cabida
A Concellería de Igualdade, dirixida por Anabel Gulías, promove este ciclo de faladoiros ao abeiro do programa Primavera Feminista
Nada máis revolucionario que a palabra das mulleres: testemuños que molestan, que retratan a vitimarios, que debuxan o mapa da violencia machista, que cuestionan o patriarcado e que abren paso cara a unha sociedade feminista, igualitaria, diversa e xusta.
E se hai unha voz que molesta é a da xornalista, escritora e activista Cristina Fallarás quen nos convida, coa proposta Rachando o silencio das violencias, a reflexionar e debater sobre a capacidade das mulleres de dicir basta! e o poder que teñen ao construír unha historia colectiva, empoderada e alternativa á heteropatriarcal dominante.
A cita con ela será o mércores 20 de maio, ás 19.00 horas, no Paraninfo do IES Valle Inclán (avda. Montero Ríos s/n) e desenvólvese no marco dos Faladoiros Feministas, o ciclo que promove a Concellería de Igualdade, ao abeiro do programa Primavera Feminista. Ten entrada libre ata completar cabida.



Cristina Fallarás lanzou no ano 2018 o movemento #Cuéntalo co fin de recoller testemuñas de mulleres, en primeira persoa, sobre violencia sexual. A páxina proxectocuentalo.org do BSC (Barcelona Supercomputing Center) documenta a resposta dos tres primeiros millóns mulleres.
Desde agosto de 2023 desenvolve un proxecto de recompilación de testemuños sobre violencia machista, que conta xa cun arquivo de miles de voces, donas dos seus propios relatos e que alicerzan un relato colectivo que xa non ten marcha atrás.
O seu feminismo e activismo político queda reflectido en ensaios como: “No publiques mi nombre” (Siglo XXI, 2024) que recolle casos de violencia machista para que non caian no esquecemento , “El final de todo esto” (PRH/Ediciones 2024), que reivindica o rol das mulleres ao longo da Historia e unha revisión do relato oficial ou “#Cuéntalo: una memoria colectiva de la violencia” (Anagrama, 2019).

Con este faladoiro dámoslle continuación á conversa iniciada en decembro de 2024 cando participou no coloquio «As violencias machistas no punto de mira» no marco da programación do 25N do Concello, celebrado no Teatro Principal.



