Nova edición da PROFESFERA, centrada no rexeitamento dos mozos ao feminismo e a transmisión do machismo nas redes

A xornada de formación que organiza o CIM de Pontevedra para dar ferramentas ao profesorado que quere fomentar a igualdade celebrase na tarde do 5 de xuño na biblioteca do IES Sánchez Cantón

O psicólogo Ricardo Fandiño, a educadora social Lucía Pereda e as mestras Carme Adán, Carme Mayán e Diana Vila serán as relatoras do encontro, que será moderado pola axente de igualdade Daisy Alcalde

A biblioteca do IES Sánchez Cantón converterase na tarde do venres 5 de xuño en escenario da segunda edición da Profesfera, a xornada de formación que organiza o CIM de Pontevedra para dar ferramentas ao profesorado que quere fomentar a igualdade nas aulas. Nesta ocasión buscaranse fórmulas para evitar o rexeitamento que provoca nalgúns mozos calquera actividade relacionada co feminismo e tamén se analizarán as mensaxes machistas que se propagan a través das redes sociais.

Do primeiro tema encargarase o psicólogo Ricardo Fandiño Pascual, presidente de ASEIA, a asociación para a Saúde emocional na Infancia e a Adolescencia. Fandiño conta cun mestrado en menores en situación de desprotección e conflito social da Universidade de Vigo e outro en sexoloxía e educación sexual da de Alcalá de Henares, e traballa con adolescentes nos ámbitos da investigación,  a prevención e  a intervención. A súa palestra comezará ás 16.45 horas baixo o título Por que hai mozos que se enfadan cando falamos de igualdade?

Para a análise dos contidos machistas que puideran transmitirse á mocidade a través das redes, a Profesfera contará coa educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda Pérez. Formadora en igualdade, Lucía conta cun mestrado en estudos de xénero e é experta nos efectos da pornografía na educación afectivo-sexual e diso falará tamén na súa palestra O machismo nas redes, que dará inicio ás 17.45 horas.

A xornada péchase coa mesa redonda A min funcionoume! na que docentes de distintos centros falarán de actividades con perspectiva de xénero que desenvolveron con éxito nas aulas. A primeira Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a filósofa Carme Adán, falará da súa experiencia como docente de persoas adultas no IES Castelao de Vigo, e nomeadamente da visita que realizou co alumnado ao cárcere de mulleres. A profesora Diana Vila Meis falará das actividades realizadas no IES Illa de Ons que lle valeron o premio de boas prácticas en Igualdade entregado no 2024 pola Deputación de Pontevedra. Por último Carmen Mayán explicará a súa experiencia na posta en marcha de Neofem, a exitosa iniciativa que involucrou a alumnado pontevedrés na loita contra o machismo.

Anabel Gulías e Montse Fajardo na presentación da xornada A PROFESFERA celebrada en outubro de 2025 no IES Valle Inclán

A xornada, que será inaugurada ás 16.30 horas pola edil de Igualdade Anabel Gulías, será conducida pola docente e axente de igualdade Daisy Alcalde Monteagudo, presidenta de APAIOGA. A clausura está prevista para as 20.30.

Daisy Alcalde Monteagudo, na xornada A PROFESFERA de 2025

A actividade é de balde pero precisa inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal.