Pontevedra presenta a programación do Orgullo PTV+ centrada na lembranza de referentes e na loita dos dereitos LGBTIQ+

A Concellería de Igualdade promove un xuño cheo de actividades, co gallo do Día do Orgullo, que comezan este xoves 4 de Xuño, coa presentación da instalación “Orgullo PTV+ Referentes” no balcón da Casa Consistorial

Con Franco NON viviamos mellor”, lema da manifestación do Orgullo 2026 que percorrerá as rúas da cidade o 27 de Xuño

“Somos unha cidade orgullosa e diversa, os 365 dias do ano gústalle subliñar a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, que o martes 2 de xuño presentou o amplo abano de actividades que se van desenvolver no mes de xuño ao abeiro do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ (28X). Unhas actividades nas que, xunto ao Concello, teñen un papel destacado o programa municipal Pinto e Maragota, o colectivo Avante LGTB+Arelas- Asociación de familias de menores e mocidade Trans de Galicia. Ao seu caron, Diego Feijóo, portavoz de Avante, quen destacou “a importancia de celebrar na rúa os dereitos que tanto custaron acadar”.

A concelleira de Igualdade reivindicou a aposta pola igualdade e diversidade do Concello de Pontevedra, que neste mes de xuño teñen maior visibilidade, con actos de concienciación, formación e información que concluirán coa manifestación do Día do Orgullo. “Son datas para xuntarnos, socializar e celebrar. E tamén para reivindicar nin un paso atrás nos dereitos adquiridos polo colectivo LGTBI+ , son irrenunciables”  recalcou.

O Orgullo lucirá no balcón da Casa Consistorial a partir deste xoves 4 de xuño, cando ás 19.00, coa  presentación da instalación “Orgullo PTV+ Referentes”, co que se quere visibilizar “a lembranza e agradecemento a todos os referentesda comunidade LGTB+, que loitaron para que hoxe poidamos ser quen somos e vivir con dereitos e en liberdade”. Persoas como Manuel Estévez Tato, Manilo, que na Pontevedra dos anos 60 e 70 do século XX,  nun contexto no que se penalizada a diversidade sexual e de xénero  – como delito e como pecado- mostrouse visible como home homosexual, expoñéndose a insultos e malleiras.

Xente como el, ou como Elisa e Marcela, Federico García Lorca, Eduardo Blanco Amor, a señorita Carmiña ou Juanito Meregildo, como Laura Bugallo ou Nacha Sánchez “La Poderosa” son referentes que estarán presentes na programación Orgullo PTV+ 2026, persoas que derrubaron barreiras, enfrontaron prexuízos, que sufriron represión, humillacións e ostracismo e que amosaron que a diversidade existe e ten dereito a unha vida plena.

Manilo foi un exemplo, entre tantos outros, que amosa que “Con Franco NON viviamos mellor, o lema da manifestación do Orgullo 2026 que percorrerá as rúas da cidade o 27 de Xuño, e que dará paso á lectura do manifesto (tamén en lingua de signos).

Con Franco NON viviamos mellor é tamén o título do Vermú- Faladoiro Pinto e Maragota da xornada do 4 de Xuño, protagonizado por Daniela Fernández e Carlos Callón. Un lema “que lembra de onde vimos e que rexeita a idea romantizada da vida no franquismo” sinalou o portavoz de Avante LGTB+, Diego Feijóo. Nun momento de involución social, no que algunhas persoas estrañan un pasado idealizado ou descoñecido, é preciso lembrar que, durante a ditadura, existía a Lei de Vagos e Maleantes (1954), que permitía internar  aos homosexuais no cárcere ou campos de concentración sen cometer ningún delito, só por existir, e que foi substituída en 1970 pola Lei de Perigrosidade e Rehabilitación Social, que  “legalizou” internamentos psiquiátricos e terapias de conversión, unha tortura institucionalizada que hoxe queren manter con avais seudocientíficos.

O programa, ilustrado por Mónica Sousa, pode ser consultado na web e redes sociais do programa municipal Pinto e Maragota, Avante LGTB+, Arelas e na web do Concello de Pontevedra.

A programación do Orgullo PTV+ 2026 esténdese máis alá da xornada festiva central e inclúe faladoiros, rutas e mostras artísticas, que contan coa colaboración da Universidade de Vigo e de espazos culturais e librarías da cidade. Despois das presentacións literarias realizadas no mes de maio, o calendario de actividades artísticas e de debate estrutúrase do seguinte xeito:

  • Xoves 4 de xuño (20:00 h., Casa das Campás): Vermú-Faladoiro Pinto e Maragota co título “Con Franco NON viviamos mellor”, a cargo de Daniela Ferrández e Carlos Callón.
  • Luns 8 de xuño (20:00 h., Casa das Campás): Día da Visibilidade Lésbica Galega. Faladoiro sobre a situación das mulleres lesbianas en Galicia con Marta Herraiz, baseado nun estudo da USC impulsado por LesWorking e a Xunta de Galicia. Ao remate, celebrarase un brinde na homenaxe ao 125 aniversario do casamento de Elisa e Marcela.
  • Xoves 11 de xuño (20:00 h., Casa das Campás): Debate sobre “A comunidade cuir no folclore galego”, coa participación de Ana Canabal, Chechu Riquelme e Xandre Outeiro.
  • Luns 15 de xuño (19:00 h.): Roteiro pola memoria cuir de Pontevedra, organizado polo programa municipal Pinto e Maragota. Requírese inscrición previa a través de correo electrónico.
  • Martes 16 de xuño (20:00 h., Casa das Campás): Faladoiro “Medrar sendo quen es: realidades trans, familias e espazos seguros”, coordinado pola asociación Arelas.
  • Xoves 18 de xuño (20:00 h., Casa das Campás): Gravación dun pódcast en directo e faladoiro con Nacha Sánchez “La Poderosa”, baixo o título “Referentes: Nacha vestida de azul”.
  • Venres 19 de xuño (19:00 h., Confeitaría Landín): Inauguración da exposición “A cor como ponte”, con obras de Lucía Villar e Noa González, comisariada por Carmen Romero e organizada pola Feira Marica.
  • Sábado 20 de xuño (12:00 a 20:00 h., Xardíns de Marescot): Celebración da II Feira de Arte Marica, situada diante da Facultade de Belas Artes.
  • Martes 23 de xuño (20:30 h., Campiño de Santa María): San Xoán Cuir, unha actividade de Pinto e Maragota con música de DJ Beti de la Church e degustación de sardiñas.
  • Xoves 25 de xuño (20:00 h., Casa das Campás): Faladoiro “Máis que canastras: identidade e xogo”, a cargo de Paula Ginzo, xogadora profesional de baloncesto, para abordar a realidade LGTBIQ+ no deporte.

A FESTA

Parque das Palmeiras albergará a xornada central do Orgullo o vindeiro sábado 27 de xuño, o día previo á conmemoración internacional.

As actividades musicais e reivindicativas sucederanse desde o mediodía ata a madrugada, mantendo durante todo o día un Punto Arco Iris e un posto informativo xestionado por Avante LGBT+ e Arelas.

Os horarios dos eventos serán os seguintes:

13:00 h. Inicio da festa coa música de Happy Singers

13:30 h. Vermú musical co grupo local Projecto Mourente

A continuación terá lugar un xantar diverso no parque con ambiente musical animado. “Haberá moita música petarda“, apuntou Feijoo na presentación.

16:00 horas. Sesión de tarde co colectivo Duendeneta Dilleis

20:00 h. Manifestación do Orgullo 2026 (saída e chegada nas Palmeiras) e lectura do manifesto co apoio de intérprete en lingua de signos

21:00 h. Espectáculo de transformismo con Kelly Amethyst e Escarlatina Pier

22:00 h. Concerto principal a cargo de Montedapena

23:00 h. Sesión musical conducida por Señora DJ

00:30 h. Peche da xornada a cargo de Gorllitox (remate ás 02:00 h)

Desde o Concello de Pontevedra e os colectivos organizadores convidan a toda a cidadanía a participar de todas as actividades.