Fotogalería da PROFESFERA II

O IES Sánchez Cantón converteuse na tarde do pasado venres 5 en escenario da segunda edición da PROFESFERA, a xornada de formación que organiza o CIM de Pontevedra para dar ferramentas ao profesorado que quere fomentar a igualdade nas aulas.  Nesta ocasión buscáronse fórmulas para evitar o rexeitamento que provoca nalgúns mozos calquera actividade relacionada coa igualdade e tamén se analizaron as mensaxes machistas que se propagan a través das redes sociais. As temáticas abordadas foron propostas polo profesorado que colabora activa e habitualmente nas distintas iniciativas a prol da igualdade promovidas polo Consello da Muller Nova, baixo a coordinación da escritora Montse Fajardo.

Contamos co psicólogo Ricardo Fandiño, presidente de ASEIA, a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia. Fandiño conta cun mestrado en menores en situación de desprotección e conflito social da Universidade de Vigo e outro en sexoloxía e educación sexual da de Alcalá de Henares, e traballa con adolescentes nos ámbitos da investigación,  a prevención e  a intervención. A súa palestra comezou ás 16.45 horas baixo o título Por que hai mozos que se enfadan cando falamos de igualdade?

Para a análise dos contidos machistas que chegan á mocidade a través das redes, escoitamos á educadora social e axente de Igualdade Lucía Pereda Pérez. Formadora en igualdade, Lucía conta cun mestrado en estudos de xénero e é experta nos efectos da pornografía e en educación afectivo-sexual e diso falou tamén na súa palestra O machismo nas redes.

Despois dun breve descanso, a xornada pechou coa mesa redonda A min funcionoume! na que docentes de distintos centros falaron de diferentes roxectos con perspectiva de xénero que desenvolveron con éxito nas súas aulas. A primeira Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a filósofa Carme Adán, falounos da súa experiencia como docente de persoas adultas na EPA Berbés de Vigo, e nomeadamente da visita que realizou co alumnado ao cárcere de mulleres. A profesora Carmen Mayán explicounos a súa experiencia na posta en marcha de Neofem, a exitosa e galardoada iniciativa que involucrou a alumnado do IES Luis Seoane na loita contra o machismo. Por último, Diana Vilas Meis expuxo as actividades realizadas no IES Illa de Ons (Bueu) que lle valeron o premio de boas prácticas en Igualdade entregado no 2024 pola Deputación de Pontevedra así como o proxecto sobre análise de descursos machistas en You Tube realizado este curso no IES Valle Inclán.

Á xornada, inaugurada pola edil de Igualdade Anabel Gulías e moderada pola docente e axente de igualdade Daisy Alcalde Monteagudo, presidenta de APAIOGA, asistiron 45 persoas, profesoras na meirande parte.

PRESENTACIÓN con Anabel Gulías e Daisy Alcalde Monteagudo

RICARDO FANDIÑO

LUCÍA PEREDA PEREZ

CARME ADÁN

CARMEN MAYÁN

DIANA VILAS MEIS