Será a partir das sete da tarde no local social de Bora (o vello colexio). As mulleres da asociación desta parroquia serán as anfitrioas do club de lectura itinerante que organiza o CIM de Pontevedra.
A seguinte cita será o 15 de setembro en Marcón con “Non penses nun elefante rosa” de Antía Yáñez
O club de lectura feminista “O sofá violeta” que organiza o CIM do Concello de Pontevedra ten unha nova cita coas persoas inscritas este xoves, 18 de xuño, a partir das sete da tarde no local social de Bora, sito no vello colexio. Será para falar do libro “Deixe a súa mensaxe despois do sinal” de Arantza Portabales, unha das primeiras obras da escritora marinense, previa a súa incursión nos libros de suspense. Nela recolle a historia de catro mulleres cuxas vidas se entrecruzan nun momento clave das súas respectivas biografías. Marina, Carmela, Viviana e Sara son as protagonistas deste traballo que aborda temas tan importantes como o suicidio, a prostitución, a morte ou os ventres de aluguer.

Con esta cita, o club feminista pontevedrés fará un parón de verán para volver a atoparse o 15 de setembro na Casa Parroquial de Marcón arredor do libro “Non penses nun elefante rosa” de Antía Yañez. Con anterioridade, o seu carácter itinerante levouno ao Centro Social de Gorgullón, ás bibliotecas do CIFP A Xunqueira e o IES Sánchez Cantón e á Escola de Cons de Mourente. Nesta ocasión as anfitrioas serán as mulleres da asociación veciñal de Bora que foron ademais as impulsoras da creación do club, pois foi unha proposta súa ao departamento que dirixe Anabel Gulías a que puxo en marcha esta actividade.
As persoas que queiran participar nesta iniciativa, ou puntualmente no encontro con Portabales poden facelo anotándose en apuntate.pontevedra.gal

Para chegar mais facilmente ao local social de Bora, adxuntamos ubicación:
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa carreira literaria en 2013 coa microficción. Tras obter o Premio de Narración Breve da UNED por «Circular C1: Catro Camiños-Embaixadores» e o Premio Manuel Murguía de relato por «Xanelas», o seu microrrelato «As musas» resultou gañador do concurso da Microbiblioteca de Barberà do Vallès, que volveu gañar en 2021 con «Os que observan».
É a autora da colección de microrrelatos A Celeste compreina nun anciño (2015) e do libro de relatos ilustrado Historias De Mentes (2020). En 2015 publicou a súa primeira novela en lingua galega, Sobrevivindo, que mereceu o XV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia e que a autora reescribiu para a súa edición en Lumen en 2022 (Premio Tormo Negro Masfarné). Os dereitos da súa segunda novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicada inicialmente en galego e gañadora do Premio Novela Europea Casino de Santiago 2021, foron vendidos a tres importantes editoriais estranxeiras tras a noticia da súa edición en Lumen en 2018. Con Beleza vermella (Lumen, 2019), gañadora do Premio Frei Martín Sarmiento, iniciou a serie protagonizada pola parella de policías Abad e Barroso, que continuou en A vida secreta de Úrsula Bas (Lumen, 2021) e O home que matou a Antía Morgade. Asasinato na Casa Rosa é a súa última novela (Lumen, 2025), coa que inicia a serie de «Os crimes de Loeiro». En 2024 recibiu da Xunta de Galicia o Premio á autora máis lida nos clubs de lectura.


