O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, convoca a VI Edición do Certame Literario “Pinto e Maragota” que ten como finalidade visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero
O certame entregará un premio de 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia
O Concello de Pontevedra vén de convocar a sexta edición do Premio Literario Pinto e Maragota, un certame creado para fomentar a creación literaria arredor da diversidade sexual e de xénero e contribuír á súa visibilización e normalización a través da cultura.
O prazo para presentar os traballos permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de agosto ás 23.59 horas, segundo recollen as bases da convocatoria.
O premio está aberto a obras inéditas nas modalidades de novela, teatro e poesía, tanto dirixidas a público adulto como infantil e xuvenil. No caso das novelas e pezas dramáticas destinadas a persoas adultas, os textos deberán contar cun mínimo de 90.000 caracteres con espazos, mentres que os poemarios deberán superar os 500 versos, sen limitación na súa estrutura. As obras destinadas ao público infantil quedan exentas de extensión mínima.
A convocatoria contempla un único premio de 3.000 euros, ao que se suma a edición e publicación da obra gañadora por parte de Edicións Xerais, consolidando así unha vía de difusión para o traballo premiado.
As persoas interesadas deberán remitir as súas obras en formato PDF ao correo electrónico igualdade@pontevedra.eu, co asunto “Para o VI Premio Literario Pinto e Maragota”. Deberanse incluír no correo electrónico dous arquivos: un co orixinal, que deberá ser presentado baixo un lema e sen ningún tipo de dato que identifique a súa autoría e outro co nome completo, idade, enderezo, teléfono, título da obra e número de conta.
O xurado dictaminará tendo en conta en xeral o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática de diversidade de sexo e xénero dentro da mesma.
Cada participante poderá presentar cantas obras quixer, en envíos separados. Calquera dúbida sobre o contido desta convocatoria será atendida polo Centro de Información á Muller (CIM) (e-mail: igualdade@pontevedra. eu).
Podedes consultar e descargar as bases no seguinte enlace: ponte.gal/bases-premio-pinto-e-maragota ou directamente no Boletín Oficial de Pontevedra.
Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras as novelas “Cobiza” da recoñecida escritora María Reimóndez ,“Estranxeiras” da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro, o poemario “Todo o que doe”, de Carmen Caramés Gorgal, “Askja” do escritor coruñés Antonio Manuel Fraga e, na máis recente convocatoria a novela “As esquinas” de Miguel Calvo Marques, obra que se acaba de publicar recentemente e que foi presentada este domingo día 5 de xullo na Festa dos Libros.





A convocatoria deste premio, senlleiro no país e referente a nivel estatal, é apoio manifesto por parte do Concello de Pontevedra de apoiar e visibilizar a diversidade no mes do Orgullo e no conxunto do ano.


