Rosa María Taboada e Anusch Lores Lemos, gañadoras da IV edición dos Premios #MulleresQueOpinan

Rosa Taboada, co artigo ‘A tristura burocrática do amor’, e Anusch Lores, con ‘Hijas del desgaste’, foron as gañadoras dos premios da cuarta edición dos premios xornalísticos #MulleresQueOpinan

Os artigos ‘A tristura burocrática do amor’, de Rosa Taboada e ‘Hijas del desgaste’, de Anusch Lores, foron os gañadores da cuarta edición dos premios de xornalismo de opinión #MulleresQueOpinan.

A entrega dos galardóns celebrouse na escalinata do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra este xoves 6 de agosto nun acto no que se puxo en valor a calidade dos traballos presentados e a importancia de seguir dando espazo ás voces das mulleres. Nesta cuarta convocatoria presentáronse un total de 26 artigos, 14 escritos en castelán e 12 en galego. Como requisito para participar nos premios, os artigos deben facer referencia a unha dos relatorios da última edición do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’. Neste caso, Rosa Taboada fixo referencia ás reflexións de Andrea Proenza, mentres que Anush Lores inspirouse na intervención de Remedios Zafra.

A elevada calidade dos textos fixo que a deliberación do xurado fose, en palabras Diana López Varela, “longa, intensa e emocionante”. “Sentimonos moi satisfeitas coa elección”, sinalou López, quen explicou que ambas as gañadoras demostraron “un impecable encaixe entre opinión e emoción e fixeron gala desa idea feminista de que o persoal é político”. A organizadora defendeu ademais que “a emoción non debe quedar á marxe da escritura de opinión”, á vez que explicou que os artigos premiados abordan cuestións que afectan directamente á vida das mulleres e que estiveron presentes na última edición do foro, como as relacións persoais, o amor, o desgaste, a precariedade ou as esixencias sociais.

A tamén organizadora Susana Pedreira recoñeceu estar “moi feliz” de incorporar a estas dúas mulleres á lista de galardoadas, composta por Carmen G. Magdaleno, Carolina Sertal, María Piñeiro, Antía Yáñez, Alba Chaves e Dores Tembrás. “Para nós, como organizadoras, para o Concello e para a Deputación, e tamén para os servizos de igualdade, é valiosísimo convocar este premio de opinión”, sinalou Pedreira.

Así mesmo, indicou que os artigos abordan cuestións como o traballo, a precariedade, a tiranía da excelencia, o amor e as relacións persoais, así como a súa influencia na estabilidade, a saúde, as profesións e as motivacións vitais. Pedreira reivindicou tamén a evolución de ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’, pasando de ser un foro a incluír tamén os premios de opinión, dous libros e un documental. “Gustaríame reivindicalo como un proxecto político. É un evento cultural, social, xornalístico e político porque a pesar de que a política é gobernar a vida da xente, tamén o é o conxunto de asuntos públicos dun Estado. Neste proxecto falamos de asuntos públicos que nos atravesan e que nos interpelan, que nos preocupan e condicionan a nosa vida”, afirmou.

AS GAÑADORAS

Rosa Taboada Rey é filósofa de formación, traballa no sector audiovisual e conta coa súa propia produtora. O seu artigo, ‘A tristura burocrática do amor’, xurdiu a partir das reflexións de Andrea Proenza sobre como o amor pode converterse nun trámite máis dentro da sociedade actual. Taboada explicou que o seu texto aborda como o corpo, as emocións e as relacións sentimentais poden quedar sometidos a unha especie de guion social. “É unha historia real que podería ser a de calquera de nós”, sinalou. Na súa intervención agradeceu este recoñecemento, e reivindicou a importancia de contar cun altofalante que permita ás mulleres opinar e compartir as súas experiencias.

Anusch Lores Lemos, pola súa banda, naceu en Buenos Aires en 1995. É graduada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e conta cun máster en Edición Literaria. Traballa nos ámbitos da comunicación e a mercadotecnia. O seu texto, ‘Hijas del desgaste’, xurdiu dunha historia “moi persoal e íntima”, explicou a autora, quen recoñeceu que recibir este premio foi “emocionante” porque significa “que puido conectar con outras persoas e atopou un espazo fóra do meu”. Lores agradeceu á organización este recoñecemento e puxo en valor este tipo de iniciativas que “que pon en valor a opinión e as voces de mulleres, anímanos a seguir escribindo e compartir as nosas experiencias e, sobre todo, a preguntarnos sobre a sociedade que vivimos e a sentirnos menos soas cando dedicimos cuestionar e deconstruir aqueles camiños que nos ensinaron a seguir”.

CONCELLO E DEPUTACIÓN

No caso da concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, agradeceu o traballo de Diana López e Susana Pedreira e destacou a necesidade de seguir visibilizando o feminismo na sociedade. Gulías sinalou que o feminismo “é un complemento magnífico que queda ben en todos os sitios” pero cando interpela directamente ás mulleres “vólvese incómodo”. Neste sentido, valorou a valentía das dúas autoras premiadas, que expuxeron “a súa intimidade e as súas propias contradicións para axudar a moitas outras mulleres”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, defendeu a necesidade de manter espazos como #MulleresQueOpinan, especialmente nun contexto no que, segundo afirmou, “empezan a aparecer espazos para o negacionismo e en contra do feminismo”. Estes foros son “absolutamente imprescindibles”, sinalou.