“O sofá violeta” viaxará a Marcón tras o parón estival para falar de “Non penses nun elefante rosa” coa súa autora, Antía Yáñez


Será o martes 15 de setembro, a partir das sete da tarde, na Casa Parroquial de Marcón. As persoas que aínda non formen parte do club de lectura feminista do CIM, poden asistir ao encontro anotándose o a través da páxina do Concello de Pontevedra: apuntate.pontevedra.gal

O club de lectura feminista “O sofá violeta” que organiza o CIM do Concello de Pontevedra volverá a reunirse tras o parón estival o martes, 15 de setembro, a partir das sete da tarde. Será para falar da novela autobiográfica “Non penses nun elefante rosa” da autora burelá Antía Yáñez, que participará nun encontro que desta volta terá lugar na Casa Parroquial de Marcón.

De carácter itinerante, o club de lectura “O sofá violeta” pasou xa polo Centro Social de Gorgullón, ás bibliotecas do CIFP A Xunqueira e o IES Sánchez Cantón, á Escola de Cons en Mourente e o local social de Bora, antes de facer un parón estival que conclúe o vindeiro 15 de setembro co encontro con Yáñez. En outubro será a quenda de Priscila Retamozo, que falará do libro “Las trampas de la pornografía” que escribiu xunto a Amada Traba e Chis Oliveira, e en novembro as lectoras poderán partillar con Emma Pedreira sobre o seu ensaio “Las horas mortas”. O ano rematará coa lectura en decembro da BD “O corpo de Cristo” de Bea Lema.

Con “Non penses nun elefante rosa” o CIM de Pontevedra quixo propiciar unha charla arredor da saúde mental, presente na obra protagonizada por unha rapaza que ten un TOC que afecta de xeito importante ao seu día a día. Yáñez achega esta problemática dun xeito próximo e emotivo, que converteu a súa novela nunha das novidades máis celebradas dos últimos anos. Da escritora son tamén outros traballos de corte feminista, requisito do club, como “Senlleiras” o “El clan de las Barbies”.

As persoas que aínda non formen parte do club de lectura e queiran participar neste encontro, deben anotarse na web municipal a través de apuntate.pontevedra.gal. Desde a súa posta en marcha, O sofá violeta acumulou xa medio cento de inscricións.