Con este programa, O Concello de Pontevedra pon o foco na educación pública que coida, que protexe e crea espazos seguros e que non deixa a ninguén fóra.
A Facultade de Belas Artes de Pontevedra acollerá, o sábado 24 de outubro, a oitava edición da Xornada de formación Pinto e Maragota: A diversidade sexual nas aulas, materia pendente?, dirixida, sobre todo, ao profesorado e ao alumnado do Grao de Educación e que, nesta ocasión, porá o foco nos coidados e a creación de espazos seguros nos centros de ensino. O encontro desenvólvese ao abeiro do programa municipal pola diversidade sexual e de xénero Pinto e Maragota, promovido pola Concellería de Igualdade.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, acompañada pola vicerreitora do campus de Pontevedra (UVigo), Marián Fernández Villarino, presentou o pasado mércores o foro, un encontro anual referente na abordaxe da diversidade nas aulas que pon a Pontevedra no centro das actividades formativas en diversidade para profesorado.

Perfís e temáticas diversas
O programa reúne voces diversas, dúas delas chegadas de fóra de Galiza. Por unha banda, o docente e investigador José Pablo Rodríguez Gobiet, da Universidade de Granada, que presentará Mariconízate! De-construír para reconstruír na educación sexo-afectiva, un programa de intervención nas aulas rurais de Secundaria para previr a homofobia, recoñecido este 2026 co Premio Imparables de Investigación. Por outra, o biólogo e divulgador Ricardo Moure, que con humor e rigor científico, presentará o seu Safari transmaribibollo para amosarnos a diversidade na natureza.
A avogada Silvia Fernández Quinteiro falará de memoria co relatorio O que non contan os libros de historia: Lesbianas no Patronato de Protección de la Mujer. Grazas a este traballo, Eva García de la Torre, ex-alcaldesa do Porriño, foi recoñecida como a primeira vítima desta institución franquista.



A psicóloga e sexóloga Lorena Boquete abordará a importancia dos coidados e de como crear espazos seguros nos centros e, pola súa banda, xornalista Bárbara Vilariño falará da inclusión LGTBI+ no deporte, porque no campo cabemos todes.
O psicólogo e creador de contido Ángel Currás, @ovellanejra, porá o ramo á xornada de formación cunha reflexión sobre as redes sociais como espazo de seguridade e tamén de inseguridade para a mocidade. Sabe do que fala, @ovellanejra conta con máis de 1,9 millóns de seguidores en Tik Tok e 1,7 millóns en Instagram.
Ademais de relatorios, haberá un espazo para experiencias docentes en aulas galegas, coa participación do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis e do IES Antonio Fraguas de Compostela. E no apartado de Lecturas orgullosas abordarase a a-sexualidade, a través de AS: o que a asexulidade revela sobre o desexo, a sociedade e o significado do sexo de Angela Chen, unha obra senlleira a nivel mundial traducida ao galego por María Reimóndez e a Catro Ventos Editora. Conversarán sobre ela Violeta Meléndrez, María Reimóndez e Nee Barros.
As persoas interesadas en asistir a xornada A diversidade sexual nas aulas poden inscribirse, de balde, no correo info@pintomaragota.gal Para docentes en activo, a xornada ten o recoñecemento curricular oficial de oito horas de formación e poden matricularse a través do CFR co código P2602014.




