A balconada da Casa Consistorial xa loce a pancarta da campaña municipal contra as violencias machistas. O despregamento celebrouse este venres ás 11:30 horas, coa presenza de representantes de todos os partidos da corporación municipal.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo subliñar a responsabilidade do Concello e das administracións públicas para facer fronte á violencia de xénero. “Como todos os anos, temos a responsabilidade de responder de forma contundente. Facémolo cunha campaña que quere pór o foco nos homes que agriden, acosan e matan, e tamén nos homes que poden ser cómplices, que teñen que dar a cara”, afirmou. “Facémolo para que a vergoña cambie de bando, que é a idea principal da campaña, como todos os anos”, engadiu.
A campaña deste ano recorre á ironía para enumerar os pasos a seguir para facer fronte á violencia machista. O primeiro, ‘NON mates mulleres’; o segundo, ‘NON agridas mulleres’; o terceiro, ‘NON acoses mulleres’ e, o cuarto e último, ‘NON permitas que ningún colega teu salte os pasos anteriores. Fácil, non si?’.


