‘Puntadas contras as violencias’ no terceiro faladoiro do OUTONO VIOLETA

No marco do Ciclo de Faladoiros Feministas OUTONO VIOLETA, a Concellería de Igualdade e o CIM organizan o faladoiro “Puntadas contra as violencias”, un encontro coas creadoras Lúa Mosquetera e Maritza Berttolini, moderado pola xornalista Susana Pedreira, no Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo (antigo conservatorio, R/ Afonso XIII, 7).

Será un espazo para conversar, compartir e reflexionar arredor das violencias machistas, co bordado como fío condutor e ferramenta de expresión, creación e resistencia.

Queremos que ti tamén formes parte deste encontro. Por iso, se bordas e tes un proxecto entre mans, tráeo contigo! Anímate a vir co teu labor, coller agulla e fío e seguir creando mentres escoitas a conversa. Porque tamén podemos tecer redes, compartir experiencias e construír reflexións puntada a puntada. Por suposto, se non bordas (aínda), contamos contigo tamén.

Como o aforo é limitado, cómpre realizar inscrición previa AQUÍ

Confirmarémosche a praza na mañá do venres 20 de novembro. Non esquezas consultar o teu spam!