O CIM de Pontevedra denuncia a violencia institucional que padece Margarita Dopico

É unha das mulleres que contou o seu caso no libro “Invisibles” de Montse Fajardo.

Margarita Dopico compareceu o pasado martes 23 de abril en rolda de prensa na Casa da Luz arroupada pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, a escritora e xornalista Montse Fajardo, a concelleira Carme Fouces, e Marián Bañobre e Sheila Fariña, directora e actriz, respectivamente, da obra de teatro “Invisibles” .

Marga decidiu saír de novo á luz para facer pública a sentencia do Xulgado do Penal número 2 de A Coruña, que consideramos un claro exemplo da violencia institucional e victimización secundaria que moitas veces sofren as vítimas de violencia de xénero cando, por un lado, as institucións non saben detectar as situacións de violencia e, por outro, reaccionan culpabilizando ás propias vítimas.

Rosa Campos considera que “non estamos dando unha resposta clara e contundente e, desde logo, non estamos protexendo ás vítimas”. Margarita confirma que se sinte “totalmente desamparada”. Primeiro, non a protexeu o garda civil ao que contou que o seu fillo estaba en perigo e oito anos despois, non o fai o xuiz que o xulgou e que conclúe que foi ela a que non soubo trasladar de xeito claro e suficiente o “terror” que estaba a sufrir, para que o axente valorase o risco real e puidera actuar.

Margarita respecta a resolución xudicial, pero xa anunciou que a recorrerá e chegará a Europa se fai falla.