25-N: Invisibles chega ao teatro

A estrea teatral da obra “Invisibles” baseada no libro de Montse Fajardo e coproducida pola Concellería de Igualdade terá lugar o vindeiro xoves, 15 de novembro ás 21.00 horas no Teatro Principal (entradas a venda en ticketea.com)

Invisibles é un espectáculo de creación colectiva a partir da novela homónima de Monste Fajardo, que presenta ante o público diversas historias cun fío común entre elas: a violencia de xénero. O seu interese reside na exposición de historias reais protagonizadas por mulleres galegas, historias sobre malos tratos, algunhas delas xa coñecidas polo público pola súa repercusión mediática. A pretensión fundamental deste espectáculo é concienciar e sensibilizar ás espectadoras e aos espectadores con esta lacra que invade a nosa sociedade.

Con este espectáculo presentamos dúas grandes reflexións: a inexistencia dun perfil típico entre as mulleres que sofren violencia de xénero e a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade.

Invisibles quere respectar e conservar a necesaria dimensión lúdica do teatro, pero aproveitando tamén a súa capacidade transformadora. Desexamos que o público desenvolva unha conciencia crítica e cuestione a realidade para poder así transformala.invisibles