Unha vez rematado o actual 4º Plan de Políticas de Xénero do Concello de Pontevedra 2019-2021, que se mantén prorrogado para este ano, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller poñen en marcha a elaboración do quinto Plan de Igualdade coa colaboración de AVALIA, empresa especializada en proxectos e programas de igualdade.
A elaboración deste novo documento estratéxico que servirá de marco de actuación en materia de políticas municipais de igualdade comeza coa avaliación do 4º Plan e a actualización do diagnóstico sociodemográfico local e permitirá implantar medidas para eliminar as desigualdades existentes así como previr e suprimir as violencias machistas.
O deseño do Plan de Igualdade desenvolverase a través dun proceso metodolóxico participativo que contemple os resultados extraídos destas primeiras fases así como das achegas froito da participación activa do persoal do Concello e axentes sociais e comunitarios da contorna.
Agárdase contar cun borrador final do plan nun prazo de nove meses, polo que podería aprobarse o documento definitivo en marzo de 2023 no que se plasmarán as liñas de traballo e ámbitos de actuación; os obxectivos, as medidas a desenvolver, as áreas municipais implicadas, axentes clave a intervir, cronoloxía e indicadores de avaliación.