Coa lectura do Manifesto institucional do Concello de Pontevedra por parte da súa autora, a xornalista Natalia Puga López arrancou a campaña municipal deste ano polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema MULLERES ADIANTE!
A lectura tivo lugar este martes ás 11.30 no segundo andar do Concello de Pontevedra nun acto no que a xornalista, acompañada pola concelleira de Igualdade, reivindicou o dereito a “non ter que pedir perdón por ser fortes ou querer ocupar espazos da vida pública” ao tempo que denunciaba que “parece mentira que a estas alturas, sexa necesario insistir nunha cuestión tan obvia” como é a igualdade e que aínda “hai persoas que negan as violencias sobre as mulleres, que negan as desigualdades evidentes a nivel económico ou social, que seguen a apostar por modelos que oprimen, invisibilizan e borran as mulleres”.
Despois da lectura do manifesto, un nutrido grupo de edís municipais co alcalde á fronte reuníronse na Casa da Luz para despregar a lona co lema reivindicativo da campaña, acto no que tamén estiveron presentes as mulleres protagonistas nesta iniciativa, a xornalista Natalia Puga e Sara Docampo, deseñadora da campaña gráfica.