Lectura da Declaración institucional do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres 2025

O Pleno municipal acolleu hoxe, a modo de limiar, a lectura da Declaración institucional do 25-N (Día internacional contra as violencias machistas) coa que o Concello de Pontevedra remarcou o seu rexeitamento á violencia exercida contra as mulleres polo feito de selo, e o seu compromiso a prol da igualdade. A declaración, consensuada polos tres grupos políticos con representación municipal, foi redactada pola Quenda de oficio de Violencia de Xénero do Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra.

Foi a súa decana, dona Gema Rial Rodríguez, quen puxo voz ao manifesto que subliña que “a violencia de xénero non é un problema privado, é unha violación dos dereitos humanos que interpela a toda a sociedade”.

Gema Rial Rodríguez, Decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Pontevedra

Unha interpelación á que o órgano colexiado que representa dá resposta en catro frontes: con formación especializada á avogacía, con atención xurídica gratuíta e profesional ás vítimas; coa colaboración con institucións, corpos de seguridade e entidades sociais e participando en actividades de sensibilización contra a violencia machista e promoción da igualdade.

Son 221 as avogadas e avogados que prestan asistencia na quenda de oficio especializada na asistencia a vítimas de violencia de xénero de Pontevedra, os 365 días do ano, con presencia nos once partidos xudiciais da demarcación territorial do colexio: ademais de Pontevedra, os de Cambados, Cangas, Lalín, A Estrada, Caldas, Tui, Ponteareas, O Porriño, Vilagarcía e Marín.

Rial Rodríguez calificou a violencia de xénero como “unha realidade que vulnera a dignidade, a liberdade e a vida de milleiros de mulleres do noso país e no mundo” e de seguido, fixo un chamamento “á implicación activa da cidadanía, das institucións e dos medios de comunicación para erradicar o machismo, protexer ás vítimas e construír unha cultura de igualdade, respecto e xustiza” . “O silencio fainos cómplices” engadiu a decana do Colexio Provincial da Avogacía de Pontevedra.

A campaña municipal do 25-N deste ano convídanos a virar o foco cando falamos da violencia de xénero. E faino cunha pregunta:  E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores? E tamén cun número: 12.976, a cifra de maltratadores condenados con sentenza firme en dez anos (2015-2024) en Galicia (datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial).

Texto completo da Declaración institucional